|
 |
 |
|
» A Cámara busca oportunidades de negocio en Rusia nunha nova misión comercial prevista para xuño |
A Cámara de Comercio de Ourense acaba de abrir a convocatoria para unha nova misión comercial directa a Rusia, que se desenvolverá entre os días 22 e 26 do próximo mes de xuño e que terá carácter multisectorial.
Unha vez máis, a Cámara ourensá buscará no país soviético novas oportunidades comerciais para os empresarios que desexen inscribirse nesta misión, aberta a todas as empresas galegas pois esta acción se enmarca nos plans de internacionalización que realizan conxuntamente Cámara Ourense e Cámara España, co cofinanciamento dos fondos europeos FEDER e o Igape.
Os produtos de alimentación, tanto de orixe animal como vexetal, as bebidas e líquidos alcohólicos (incluído o viño) e a automoción son, por esta orde, os tres sectores que destacan con diferenza nas exportacións de Ourense a Rusia en 2014, por un valor próximo aos 25 millóns de euros, 24 millóns e medio e algo máis de cen millóns, respectivamente.
A misión comercial a Rusia que lidera Cámara Ourense chega, precisamente, nun momento no que os empresarios rusos reclamaron ás empresas españolas continuar coas relacións comerciais, malia as sancións impostas pola Unión Europea.
Convenio entre as Cámaras española e rusa
Así púxose de manifesto no Encontro España-Rusia, celebrado hai días na Cámara de Comercio de España, e no que se asinou un convenio de colaboración coa Cámara de Comercio da Federación de Rusia, actualizando o que xa mantiñan ambas as dúas institucións dende hai moitos anos e cuxo obxectivo primordial é favorecer os contactos entre empresas rusas e españolas para impulsar as relacións comerciais e de investimento entre ambos os dous países.
O propio presidente da Cámara de Comercio da Federación de Rusia, Sergey Katyrin, recoñeceu que no último ano e medio as relacións comerciais entre España e Rusia se debilitaran, "debido aos factores políticos e non tanto á conxuntura económica, pero o mercado ruso coñece e valora ás empresas españolas e existen moitas oportunidades para as pemes".
Katyrin recoñeceu unha moderación no crecemento da economía rusa e unha suba do desemprego, pero puxo especial énfase en subliñar que Rusia carece de déficit, ten reservas de ouro, o rublo mellora e esperan para 2016 un crecemento do 0,6% do PIB.
|
|
 |
|
|
 |
|