|
 |
 |
|
» Cámara, Inorde e Fundación Incyde imparten un novo programa de creación e consolidación de empresas |
O presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, o presidente do Inorde, José Manuel Baltar, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha dun novo programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego.
No programa, que se impartirá no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, poderán participar ata un máximo de 25 proxectos e está dirixido a emprendedores cunha idea de negocio e empresarios que desexen consolidar e mellorar a rendibilidade da súa empresa ou avaliar outras alternativas de expansión.
Serán 320 horas de formación, das cales 280 horas dedicaranse á formación específica e á medida, con titorías individualizadas para cada proxecto, sendo o resto das horas empregadas en sesións conxuntas de contidos xerais sobre mercadotecnia, promoción e comercialización, aplicacións informáticas, xestión de información, internet, internacionalización, calidade, medio, finanzas e xurídico-fiscal.
Terceiro programa conxunto Con esta iniciativa, Cámara, Inorde e Fundación Incyde dan continuidade á colaboración que manteñen en emprendimiento dende o pasado ano. Así, o Centro Agrogandeiro de Xinzo de Limia acolleu un primeiro programa para a creación e consolidación de empresas especializado en xestión agrícola, gandeira e forestal. Ourense foi a primeira provincia de España en realizar un proxecto formativo destas características, que serviu para impulsar iniciativas emprendedoras nos citados ámbitos. Participaron 22 proxectos que ían dende a recuperación, repoboación e aproveitamento forestal ata a transformación de castaña, elaboración de produtos agrícolas e gandeiros, patacas e outros como unha destilaría, conservas de orixe vexetal e granxas ecolóxicas.
O segundo programa desenvolveuse no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás cun total de 25 proxectos de diversos sectores económicos como comercial, alimentación, apicultura, construción, asesoría para inmigrantes, decoración ou artesanía.
|
|
 |
|
|
 |
|