|
|
|
|
» Cámara e Abanca impulsan proxectos de apoio a emprendedores |
Cámara Ourense e Abanca asinaron esta mañá un acordo de colaboración para impulsar proxectos dirixidos a emprendedores e a difundir a cultura emprendedora na provincia ourensá. O presidente da Cámara, Juan Carlos Parada Rúa, e o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra Pedreira, rubricaron o convenio, que consolida un ano máis o compromiso de ambas as dúas entidades de colaborar de forma conxunta para promover a mellora da competitividade e a dinamización do tecido empresarial en Ourense.
Entre os proxectos recollidos no acordo teñen especial protagonismo as actividades relacionadas co Viveiro de Empresas de Cámara Ourense. Neste marco, Abanca apoiará a institución cameral no desenvolvemento de iniciativas dirixidas á creación de emprego e desenvolvemento de novos proxectos empresariais.
Ademais, o convenio inclúe a organización de actividades de fomento e difusión do espírito emprendedor, dirixidas aos novos estudantes ourensáns. Están previstas visitas aos centros de formación e visitas guiadas dos alumnos ao Viveiro de Empresas. Tamén se celebrarán conferencias na Universidade de Vigo e en centros de Educación Secundaria.
O presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, destacou que este acordo é unha mostra máis da estreita colaboración e do compromiso que Cámara Ourense e Abanca teñen co desenvolvemento da provincia de Ourense. O convenio, engadiu, "permitiranos seguir traballando nunha área na que atesouramos unha enorme experiencia, como é o emprendimiento, con máis de 2.000 emprendedores atendidos a través dos nosos servizos e a participación de máis de 2.100 estudantes nos nosos programas de fomento do autoemprego".
Pola súa banda, o director territorial de Abanca en Ourense destacou o compromiso do banco co fortalecemento do tecido empresarial e o desenvolvemento socioeconómico de Ourense e de Galicia. Rubén Saavedra recordou que "Abanca é o primeiro financiador das empresas e as familias ourensás e galegas", e subliñou que "a concesión de crédito é prioritaria para Abanca na súa nova etapa". A entidade financeira concedeu en 2014 financiamento por un importe global de 7.455 millóns de euros, un 30 % máis que nos doce meses anteriores.
|
|
|
|
|
|
|