O plan de empresa; garantía para o éxito é o título da xornada que a Cámara de Comercio de Ourense celebrará o próximo luns, día 15, e que ten como principais destinatarios ás mulleres emprendedoras. De feito, esta cita enmárcase nas accións deseñadas dentro do Programa de Axuda Empresarial ás Mulleres (PAEM) que na actualidade conta con máis de 130 usuarias.
Precisamente a xornada comezará informando as asistentas sobre o funcionamento e os servizos que poden atopar no PAEM. Promovido polo Instituto da Muller e Cámara Ourense e co apoio do Fondo Social Europeo, o seu obxectivo é sensibilizar as mulleres sobre a opción do autoemprego e apoiar as súas iniciativas empresariais en calquera fase do proxecto, xa sexa no inicio da idea como na súa posta en marcha e consolidación.
O PAEM, ademais, ofrece microcréditos para emprendedoras, dentro dun convenio subscrito entre o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e Microbank de La Caixa. Mediante este convenio ofrécense empréstitos de ata un máximo de 25.000 euros.
Como facer un plan de empresa
A xornada do luns, de carácter gratuíto, fará fincapé nesta ocasión na
elaboración dun plan de empresa, para o cal abordará aspectos como a forma xurídica que mellor conveña ao proxecto, as axudas e subvencións ás que poden acudir, o deseño do plan comercial e, por suposto, do plan financeiro do negocio.
A cita celebrarase en horario de nove da mañá a dúas da tarde e todas as mulleres interesadas poden obter máis información na sede central da Cámara, no Viveiro de Empresas ou nas antenas locais de Verín e O Barco.
|